O Concello apoia unha veciña que non pode construír un panteón en San Amaro polo informe negativo de Patrimonio
Por Redacción
Unha pontevedresa vén de presentar un recurso de alzada diante do conselleiro de Cultura despois de que o Concello se vira obrigado a denegarlle licenza urbanística para a construción dun panteón na parte antiga do cemiterio de San Amaro a causa do informe negativo da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
O asunto foi tratado este martes na Comisión de Urbanismo a iniciativa do concelleiro Antón Louro, quen presentou un informe técnico no que o Concello ponse de parte da recorrente e defende a construción do panteón. O informe municipal, requirido pola afectada, conclúe pedindo á Consellería que deixe sen efecto o informe desfavorable e se autorice a construción do panteón familiar.
O caso remóntase á compra dunha parcela no camposanto municipal por parte da veciña. A continuación presentou un proxecto para a construción do panteón familiar con 12 nichos, con acabado exterior en pedra, cuberta a dúas augas e tella cerámica similar aos panteóns xa construídos, configurando un espazo interior con materiais nobres e mármore en paredes e chan.
O Concello tramitou a licenza con normalidade. O arquitecto municipal emitiu informe favorable e o expediente foi remitido á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia porque a parte antiga do cemiterio está incluída no Catálogo do Rural do Plan Xeral de Ordenación Urbana cun nivel de protección de carácter estrutural. Esta circunstancia obriga a que todas as obras que alí se realicen precisan informe preceptivo e vinculante de Patrimonio.
O informe da Dirección Xeral de Patrimonio desautorizou as obras, alegando que non se axustan ao nivel de protección desta zona do cemiterio. Previamente a Comisión Territorial de Patrimonio de Pontevedra xa se tiña pronunciado neste mesmo sentido, a pesar da oposición dos técnicos municipais presentes neste órgano colexiado.
O informe presentado este martes por Antón Louro e redactado polos técnicos municipais recalca que o cemiterio de San Amaro é ante todo unha dotación que presta un servizo público e se queda inhabilitado na súa parte antiga por cuestións patrimoniais para prestar o servizo que lle é propio "estamos diante dunha flagrante contradición".
A día de hoxe quedan moi poucas parcelas por construír e o lóxico, defende o informe, é que se constrúan os panteóns que faltan e se complete a trama. Iso mesmo sería beneficioso para tapar as medianeiras que quedan e que, sobre todo, o cemiterio cumpra os seus fins.
O Concello, como administración titular da dotación, entende que se impoñan condicións sobre a tipoloxía, materiais e características arquitectónicas dos panteóns que se constrúan na parte vella do cemiterio para garantir a protección dos valores patrimoniais, pero non pode ampararse unicamente na interpretación literal da norma.
O Concello entende que Patrimonio non pode impedir a execución de edificios nos soares que están sen construír
Por outra banda, arguméntase que a protección Estrutural, como o seu nome indica, protexe a estrutura de edificios construídos, pero non pode impedir a execución de edificios nos solares que están sen construír.
Xa máis anecdótico é o dato de que a resolución da Consellería de Cultura confunde o cemiterio de San Amaro co da Canicouva. Un erro que pode ter fundamento nun precedente similar, producido hai uns meses, nese cemiterio parroquial, aínda que na Canicouva o prexudicado non presentou recurso. Ademais, o cemiterio da Canicouva non é municipal, senón que é propiedade da Igrexa.