Un cento de afectados polo atraso de pagamentos do Fogasa concéntranse ante a Subdelegación
Por Redacción
Preto dun centenar de traballadores pendentes do pagamento do Fondo de Garantía Salarial (FOGASA) concentráronse no mediodía deste martes 30 de setembro ante a Subdelegación do Goberno para reclamar o cobramento das indemnizacións e salarios pendentes despois de que a empresa á que pertencían entrara en concurso de acredores ou en situación de insolvencia.
O sindicato CIG convocaba estes traballadores que na maioría dos casos se encontran no paro a esta concentración e a presentar unha documentación nas oficinas da Subdelegación esixindo o pagamento completo das cantidades que se lle deben neste mesmo ano. A protesta orixínase como consecuencia de que o Ministerio de Facenda, de forma verbal, comunicou que o pagamento das cantidades se fraccionará en dous prazos ofrecendo o 40% este ano e o 60% nos próximos meses.
Segundo o secretario comarcal do sindicato nacionalista, Marcos Conde, na maioría dos casos súmanse 16 mensualidades de atraso no pagamento afectando a 10.000 traballadores na provincia de Pontevedra e a 3.500 na bisbarra pontevedresa.
PREOCUPACIÿN ENTRE OS AFECTADOS
Os traballadores mostran a súa preocupación ante a falta do pagamento. ÿ o caso de Jorge Antolín, un traballador pontevedrés de Industrias Calin. Levaba 40 anos na empresa que entrou en proceso concursal a finais de 2013. "Eu era o máis veterano de todos", afirma sorrindo. O traballador indica que o concurso foi aprobado pero non se pagaron indemnizacións. O Fogasa encárgase agora dese pagamento, cun límite máximo de 18.500 euros. O problema, segundo explica Antolín, encóntrase en que os traballadores como el non poden esperar a que pasen 16 meses para cobrar o 60% do que lles corresponde: "O diñeiro debían dárnolo porque é noso".
A CIG convocou concentracións para o 7 de outubro ante as delegacións de Facenda en Pontevedra e en Vilagarcía de Arousa, co obxectivo de que o Ministro destine unha partida ao Fogasa que permita realizar o pagamento nunha soa entrega.
Relacionadas:
-
Que hai do meu? Os traballadores preguntan polo diñeiro que lles debe o Fogasa
Por Oskar Viéitez |
-
O Ministerio de Emprego reclama cartos a parados que aínda non recibiron o pagamento do Fogasa
Por Redacción |
-
O atraso no pagamento das indemnizacións do FOGASA leva á CIG a convocar protestas
Por Redacción |
-
O FOGASA acumula máis de 9.000 expedientes á espera de resolución
Por Anxo Lourido |