Nova detención na "Operación Oscuridad" contra o tráfico de drogas no poboado do Vao
Por Oskar Viéitez
A Garda Civil sumou unha nova detención ás sete xa efectuadas no marco da "Operación Oscuridad" contra o tráfico de drogas no poboado do Vao onde tamén se incautaron 132 doses de heroína e 56 de cocaína listas para a súa venda, ademais de 3.700 euros en metálico e efectos que habitualmente se utilizan para o manexo da droga.
A detida é M. R. C., e foi interceptada nun control de alcoholemia rutineiro instalado pola Garda Civil de Tráfico na rotonda de Boavista. Os axentes deron o alto ao vehículo que conducía a muller para practicarlle a proba que deu positivo. Ao introducir os seus datos no ordenador para identificar a muller comprobaron como pesaba sobre ela unha orde de busca e captura ordenada polo xulgado.
A detida está vinculada a un clan que supostamente vendía drogas ao menudeo no asentamento chabolista.
Do resto de detidos cinco ingresaron na prisión da Lama por orde do xuíz e a petición do Ministerio Fiscal.