O Concello "debe cero euros" aos propietarios do terreo 'usurpado' no Gafos
Por Natalia Puga
A sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 3 de Pontevedra pola que se condena ao Concello a aboar 5.294.847 euros por unha parcela 'usurpada' aos seus donos en 2007 para crear o parque dos Gafos é xa firme, non cabe posibilidade de recurso e o preito pódese dar por pechado, pois a Administración local pagou xa aos propietarios o establecido na vía xudicial.
A última noticia ao respecto chega da man do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). Nunha sentenza dada a coñecer este luns, o Alto Tribunal galego confirma a sentenza previa do xulgado pontevedrés. Os propietarios, que inicialmente pedían 11.679.000 euros polos 6.156 metros cadrados usurpados, recorreron, pero o novo fallo desestima o seu recurso.
A pesar de que a sentenza aínda se acaba de dar a coñecer esta semana, xa hai meses que o Concello de Pontevedra dá por solucionada a débeda cos propietarios. O voceiro do Goberno local, Raimundo González, explicou que a Administración municipal "debe cero euros" aos propietarios, pois xa despois da sentenza do Xulgado do Contencioso realizouse unha modificación extraxudicial de crédito aprobada en Pleno para pagalos.
"O Concello de Pontevedra non debe absolutamente nada aos propietarios por este terreo", insiste Raimundo, quen explica que se lles pagou 5.294.847 euros, dos cales 3.278.616,44 euros son o valor real da parcela, pero hai que sumar uns 800.000 euros de multa por ocupación ilegal (un 25% do valor) e máis dun millón de euros de intereses. Isto implica que o prezo xusto deste terreo quedou en 530 euros o metro cadrado.
O voceiro municipal anunciou que o Concello si dará un paso agora que o TSXG confirmou o prezo da parcela. Será reclamar á Xunta de Galicia os aproximadamente 800.000 euros que tivo que pagar aos dous irmáns propietarios do terreo en cuestión por ocupación ilegal. Enviarán un escrito á Administración autonómica indicándolles que son eles os que teñen que facerse cargo do diñeiro que hai que pagar "porque se ocupou irregularmente unha parcela".
Raimundo González referiuse tamén á polémica levantada polo voceiro municipal do PP, Jacobo Moreira, criticando o Concello polas sentenzas contrarias á xestión municipal que se sucederon nos últimos meses. Ao respecto, o voceiro do Goberno local sinalou que "a sorte é que cando fala Jacobo Moreira é xusto ao contrario do que dí", pois sobre este tema, segundo el, o líder dos 'populares' chegou a augurar que o Concello tería que pagar o diñeiro que pedían os propietarios e que era moi superior ao finalmente fixado.
A parcela en cuestión, de 6.156 metros cadrados, sitúase na zona de ponte Bolera e o Concello valorábaa inicialmente en 1,3 millóns de euros.
Relacionadas:
-
Unha sentenza obriga a pagar ao Concello máis de 850.000 euros por un terreo expropiado na contorna do Gafos
Por Redacción |
-
Non hai como ter unha parcela á beira do Gafos!
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
O goberno local consigna catro millóns de euros para o pagamento da leira dos Gafos
Por Redacción |
-
Tres sentenzas contrarias ao Concello superan a quinta parte do presuposto municipal
Por Redacción |
-
O xuíz condena o Concello a pagar 5,3 millóns polo terreo do Gafos
Por Redacción |