Imputadas cinco rapazas por queimar dúas bandeiras españolas nunha manifestación estudantil
Por Redacción
A Comandancia da Garda Civil de Pontevedra dirixiu a investigación e instruiu as dilixencias contra cinco mozas, acusadas de queimar dúas bandeiras españolas durante a folga estudantil do pasado mes de febreiro.
Os feitos remóntanse ao 26 de febreiro de 2014, na manifestación celebrada na cidade de Vigo.
Tras meses de investigación, cinco rapazas, catro delas menores de idade e outra que o era no momento ao que se remonta a protesta, foron chamadas a declarar ás dependencias do Instituto Armado en Pontevedra en calidade de imputadas por un presunto delito de aldraxes á bandeira.
Aínda que a Policía non interveu durante a manifestación, que se disolveu antes de chegar ao seu destino, a Garda Civil iniciou unha investigación coa achega de testemuñas presenciais e de fotos e vídeos subidos en diversos lugares da internet, principalmente nas redes sociais.
As dilixencias xa foron entregadas á Fiscalía de Menores de Pontevedra, que deberá decidir se abrir un proceso xudicial e determinar a implicación das cinco imputadas.