Como manter relacións de parella dende a etapa escolar
Por Oskar Viéitez
A Concellaría de Igualdade, que dirixe Carmen Fouces, puxo en marcha co inicio do curso escolar o programa Namorando entre os centros de educación Primaria e Secundaria do concello.
Este programa ten por propósito ofrecer recursos aos alumnos para manter relacións de parella dende a etapa escolar. Están inscritos 420 rapaces de dez centros distintos do municipio.
En Educación Primaria participan os CEIP A Xunqueira I, Vidal Portela, Príncipe Felipe, A Xunqueira II, Álvarez Limeses, Cabanas e San Bieito de Lérez. Están en lista de agarda: Barcelos, Vilaverde, Marcón e A Carballeira.
En Primaria trabállase co proxecto "Erea e Martiño: Unha historia diferente". Está dirixido a rapaces de cuarto de Primaria cos que se crearon dez grupos (uns 200 rapaces) cos que se manterá unha sesión semanal durante as que se traballará a concepción de homes e mulleres, as expresións de emocións, de xogos non sexistas así como cuestións básicas sobre o amor.
Previamente páselles un cuestionario, que se lle volverá a pasar logo das sete sesións.
En Primaria as sesións comezarán o 12 de xaneiro e rematarán o 23 de febreiro. Na última sesión escollerase o conto non sexista máis bonito dos que se fixeran nas aulas, para logo ser contado nun vídeo.
Ao respecto de Secundaria, participan os IES A Xunqueira I, A Xunqueira II, Sánchez Cantón. Creáronse 11 grupos (uns 221 alumnos) onde está previsto realizar dez intervencións que comezaron este mesmo luns. Rematarán o vindeiro 3 de novembro.
En Secundaria o proxecto leva por título "Todo comeza cunha elección: a túa felicidade", seguindo a pauta do pasado ano no que a Concellaría de Igualdade traballou coa saga Crepúsculo. Durante as sesións farase unha reflexión sobre os mitos do amor romántico e as relacións de parella; traballarase na identificación das relacións baseadas na desigualdade e en comportamentos violentos.
Relacionadas:
-
E ti, es un 'princesiño' ou unha 'principiña'?
Por Alejandro Espiño |
-
'Namorando' axudará a alumnos de Primaria e Secundaria a manter relacións de parella sas
Por Natalia Puga |
-
O reggaeton ou os vampiros de Crepúsculo poden fomentar violencia machista entre mozos
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra condena os vampiros machistas de Crepúsculo
Por Natalia Puga |