Os comerciantes da Zona Monumental aplicarán descontos para os funcionarios "conxelados"
Por Oskar Viéitez
Os funcionarios volverán perder poder adquisitivo o ano que vén. O Goberno conxelará o seu soldo no 2015, tras catro anos sen subas e despois do recorte do 2010 (entre o 5% e o 7%) e a supresión da extra de nadal do 2012. Para tratar de compensalo en ano electoral, o ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, anunciou que devolverá un 25% desa paga a comezos de ano.
Mentres tanto a Xunta estuda devolver a súa plantilla a cuarta parte da extra suprimida en 2012. Ofrece un reintegro que ascende a 40 millóns entre 2015 e 2016.
Son 400 euros de media para cada empregado.
Ante esta tesitura, calquera axuda é ben recibida polo que a Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSI-F) pechou un convenio co Centro Comercial Urbano Zona Monumental de Pontevedra para que os afiliados a este sindicato gocen dunha serie de descontos nas súas compras no comercio local.
O convenio asinado polo presidente provincial do CSIF, Eduardo Rejo e o presidente do CCU, Miguel Lago, pretende promover o comercio de proximidade ao tempo que ofrece vantaxes aos máis de dous mil membros deste sindicato.