Santa María lembra a don Peregrino no 25 aniversario do seu falecemento
Por Redacción
A parroquia de Santa María a Maior celebrará un funeral con motivo do 25 aniversario do falecemento do párroco Peregrino Reboiras Torrado, coñecido popularmente como Don Peregrino. O funeral será o mércores 1 de outubro, ás 20.00 horas da tarde, na Basílica de Santa María, con motivo de cumprirse ese mesmo día o aniversario da súa morte.
'Don Peregrino' foi unha das figuras máis emblemáticas de Pontevedra durante o século XX, levando o destino da freguesía durante case 36 anos. O ministerio sacerdotal de Peregrino Reboiras tivo os seus comezos na freguesía de Santa Eulalia de Dena, en Meaño, de onde pasou directamente á de Santa María a Maior onde tomou posesión do seu cargo poucos días antes do Nadal do ano 1952.
Durante o seu período á fronte desta parroquia contou con coadxutores sacerdotes como Luís Alcántara, hoxe párroco de Santiago Peregrino do Burgo, Luís Otero, actual Vicario Episcopal de Ensino e Catequese e José Antonio Fernández Recuna, falecido en maio de 2013, cando era párroco de San José de Campolongo.
'Don Peregrino' era coñecido pola súa grande humanidade e polo seu bo facer como sacerdote adaptándose á renovación das estruturas eclesiásticas e da liturxia como consecuencia do Concilio Vaticano II. Xunto ao entón alcalde, Fernando Filgueira Valverde, logrou a materialización do Congreso Mariano de 1959, con motivo do cuarto centenario do peche de bóvedas da Real Basílica. O sacerdote caracterizouse polo seu interese por conseguir unha maior proximidade da Igrexa aos fieis.
Peregrino Reboiras colaborou na mellora da Capela Do noso Señor Santiago, xerme da actual Parroquia de Santiago Peregrino do Burgo, coa colocación da primeira pedra da nova Capela en 1987 nun acto presidido polo entón Arcebispo Metropolitano de Compostela, Antonio María Rouco Varela. Debido á súa preocupación social tamén se crearon as Casas de Don Peregrino no ámbito da rúa Jofre de Tenorio.
Os restos mortais repousan no panteón da Confraría da Santa Trindade no cemiterio municipal de San Amaro.