A Policía Autonómica imputa ao presunto autor de dez incendios forestais nos concellos de Caldas de Reis e Cuntis
Por Redacción
A Policía Autonómica da Xefatura Provincial de Pontevedra tramitou dilixencias ao presunto autor de dez incendios forestais supostamente intencionados que tiveron lugar nos concellos de Caldas de Reis e Cuntis durante o ano 2013 e no que vai deste ano, nos que se viron afectadas case 50 hectáreas.
A superficie total afectada polos incendios foi de 46,22 hectáreas de monte arborada e 3,3 hectáreas de monte raso. Para a extinción destes incendios foi necesaria a presenza do servizo de extinción de incendios da Xunta e distintas agrupacións de Protección Civil.
Polos feitos, tramitáronse dilixencias que foron remitidas ao Xulgado de Primeira Instancia e Instrución en funcións de garda de Caldas de Reis.
A Policía Autonómica leva detidas ou imputadas 74 persoas como presuntas autoras de incendios forestais no que vai de ano.