Escollen A Lama para facer unha enquisa sobre as condicións de vida das familias galegas
Por Redacción
O Instituto Galego de Estatística seleccionou o concello da Lama para realizar un traballo de campo a través da realización de enquisas co fin de determinar as condicións de vida das familias galegas.
Trátase dunha "Enquisa Estrutural de Fogares", unha investigación de carácter oficial que ten como obxectivo reflectir as condicións de vida das familias galegas en relación ao nivel de estudos, ingresos e gastos do fogar e dos seus membros.
As vivendas seleccionadas recibirán nos próximos días unha carta do Instituto Galego de Estatística na que se informará os veciños da obriga de facilitar eses datos. Tamén recibirán a visita no seu domicilio dun entrevistador acreditado para cubrir o cuestionario e recoller a información que será estritamente confidencial e protexida polo segredo estatístico.
O Concello da Lama solicitou aos veciños que colaboren con este estudo porque del se deriva unha profunda análise sobre a situación actual da poboación galega. E recórdase que ante calquera dúbida, os veciños se acheguen ás dependencias municipais para resolver calquera incidencia.