José Antonio Gómez, patrón maior de Portonovo, seguirá á fronte da Federación Provincial de Confrarías
Por Redacción
Non houbo sorpresas. Tal e como estaba previsto, o actual patrón maior de Portonovo, José Antonio Gómez, seguirá á fronte da Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra. A súa reelección produciuse este sábado en Santiago de Compostela, onde se reuniron os 63 patróns e vicepatróns maiores de todos os pósitos galegos para elixir os seus novos órganos de goberno tras as eleccións do pasado mes de xuño.
José Antonio Gómez, que leva xa catro anos como presidente provincial, estará acompañado na xunta xeral pontevedresa por dous vicepresidentes. Serán José Manuel Rosas, patrón maior de Bueu, como representante dos empresarios; e María del Carmen Vázquez Nores, patrona maior de Lourizán, que representa aos traballadores.
Nesta xuntanza tamén foron elixidos os membros do comité executivo que, no caso de Pontevedra, estará integrado por Clemente Bastos (Redondela), Juan José Rial (A Illa de Arousa), Manuel Tarrío (Vilaxoán), Manuel Martínez (Cangas), Silvia Crespo (A Guarda) e Susana González (Baiona).
Para o comité executivo da Federación Galega, aprobáronse as candidaturas a vogais de José Manuel Rosas, María del Carmen Vázquez Nores e Francisco Pérez (A Guarda), que representarán os intereses das confrarías pontevedresas.
Segundo a Consellería de Medio Rural e do Mar, esta nova xornada electoral desenvolveuse sen incidencias. Todo este proceso, sinalan, amosa a madurez democrática do sector á hora de elixir aos seus representantes.