17 concellos recorren á Deputación para afrontar gastos correntes e pagos a acredores ou bancos
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra destinará 622.550,59 euros a 17 concellos da provincia para o financiamento de gasto corrente, o pagamento a acredores e a amortización de débeda. Estes municipios acolléronse á posibilidade ofertada pola Administración Provincial de destinar un máximo do 30% da cantidade concedida a cada concello no marco do Plan Urxente de Mantemento de Servizos e Infraestruturas Municipais a esta finalidade.
En concreto, Bueu recibirá da Deputación 53.580,56 euros para a amortización de débedas con entidades financieiras. A ese mesmo concepto destinará Meis os seus 32.584,46 euros. Pola súa banda, Cambados destinará os seus 41.149,26 euros a pagar gastos correntes; igual que O Grove, concello que recibirá 4.841,65 euros. A maior cantidade de todas elas, 61.964,83 euros, é a que recibirá Poio para poñerse ao día con acredores de investimentos.
A contía total que os concellos destinarán a esta finalidade sitúase moi lonxe do 30% de máximo permitido nas bases deste plan, aprobadas pola Deputación. Isto permitirá, sinalan desde o organismo provincial, que a gran maioría do orzamento deste plan, dotado de 27 millóns de euros, poida dedicarse a obras de construción ou mellora de servizos e infraestruturas.
De feito, só un 2,3% do orzamento total do plan de servizos e infraestruturas se vai destinar a gasto corrente, amortización de débeda ou pagamento de acredores.