A Lama inicia o proceso de actualización do seu catastro, tras case tres décadas sen revisalo
Por Redacción
Dende o ano 1986, o Concello da Lama non revisa o seu catastro. Pero agora, tras o acordo unánime da corporación municipal, iniciarase un proceso de actualización. Todos os grupos políticos sinalan que esta medida supoñerá que os veciños pagarán os seus impostos dun xeito "máis racional" e acorde ao valor das súas propiedades.
Todos aqueles veciños que queiran coñecer como lles afecta a nova revisión do catastro poderán obter a información necesaria nas dependencias municipais, onde se encontran expostos grandes mapas do municipio, divididos por parroquias, para que poidan localizar mellor as súas propiedades.
Esta medida, segundo os técnicos do Concello, permitirá actualizar un catastro que levaba sen revisar dende hai case tres décadas o que dá idea do desfase da súa aplicación. Así mesmo o alcalde da Lama, Jorge Canda, manifestou que a intención da corporación municipal é baixar ao máximo este imposto para neutralizar a posible suba que lle poida ocasionar aos propietarios unha revalorización das súas casas ou terreos.
A intención da Corporación Municipal é aprobar no próximo Pleno unha ordenanza de modificación do IBI que fará que para o 2015 a taxa se sitúe no caso da urbana no 0,30% subindo 0,02 puntos cada ano ata situala no ano 2020 no 0,40%, o tramo mínimo impositivo que marca o Estado, moi por debaixo do 0,46% actual. En canto á rústica manterase no 0,30%.
"Esperamos que con esta solución a suba sexa nula ou, na maioría dos casos, que se pague menos que ata agora por algunhas propiedades. O que está claro é que temos que actualizar unha circunstancia que levaba tempo obsoleta e que non era xusta nin axeitada para o contribuínte nin para o propio Concello", sinalou Jorge Canda.