O proxecto de acondicionamento da N-541, a información pública desde este venres
Por Redacción
O Ministerio de Fomento inicia, coa publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE) deste venres, a información pública do proxecto de acondicionamento a estrada N-541, que une Pontevedra e Ourense. Concretamente, trátase da mellora de varias interseccións e da construción dunha glorieta. Infórmase deste para os efectos de expropiacións, de modificación de enlaces e de reordenación de accesos.
As actuacións realizaranse en tres interseccións da estrada nacional N-541, con distintos deseños segundo a situación de cada unha; en dúas delas (as situadas nos puntos quilométricos 57,170 e 84,750) proxéctase a implantación de carrís centrais de espera, carrís de cambio de velocidade ou cuñas de entrada e saída, que permitan canalizar os movementos adecuando a velocidade e impedindo, os xiros directos a esquerda.
O enlace no que se pretende actuar en Cotobade é no núcleo de Calvelo, unha obra que, recorda o alcalde, Jorge Cubela, lévase reclamando durante décadas.
Pola súa banda, na intersección existente no punto quilométrico 64,050, optouse pola construción dunha glorieta de 40 metros de diámetro, aproveitando a súa situación ao inicio da travesía do núcleo de Cerdedo. Así mesmo, renovarase o firme nos tramos nos que se actúe, de forma que melloren as condicións de rodadura dos vehículos.
Igualmente, actuarase sobre a sinalización, horizontal e vertical, e sobre o balizamento dos tramos afectados para facilitar a apreciación dos distintos elementos de trazado por parte dos condutores.
As actuacións proxectadas teñen un presuposto base de licitación estimado de 1,19 millóns de euros.