Denuncian que Abanca despide un empregado pontevedrés que ía presentarse ás eleccións sindicais
Por Anxo Lourido
Luís Encinas é un home de 42 anos que levaba 22 traballando na entidade financeira que, tras a compra do grupo Banesco, pasou a denominarse Abanca. O pasado xoves 11 de setembro, a Dirección da empresa convocouno para unha reunión. Nela comunicáronlle que estaba despedido xustificándoo baixo o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que mantén aberta a empresa indicándolle que os traballos que desempeñaba non eran os oportunos.
Segundo as fontes sindicais, o despedimento débese a unha represión sindical porque Luís Encinas tramitara o preaviso para presentarse como membro das listas para ser representante sindical dos traballadores a través da CIG. Os sindicatos indican que se trata dun empregado exemplar que, na actualidade, traballaba na oficina da rúa Cruz Vermella e que nunca foi sancionado nin apercibido.
Esta mañá, ao redor de setenta persoas concentrábanse ante a oficina central de Abanca en Pontevedra reclamando a súa readmisión. Entre os asistentes encontrábanse familiares, amigos e representantes sindicais. Luís Encinas é pai de tres nenos con idades comprendidas entre 6 e 11 anos. A súa muller tamén se encontra no paro.
O traballador despedido sinala que a dirección de Abanca lles enganou cando, tras a compra, afirmaba que "a forza laboral non ía verse afectada e que se tentaría crecer para facer máis grande a empresa. Todo iso quedou en agua de borrajas porque en xuño estaban despedindo e agora están volvendo á carga". Encinas ten previsto presentar unha demanda por este despedimento e pregúntase como unha empresa que gaña 440 millóns de euros en seis meses pode seguir reducindo persoal.