Marín mellorará o alumeado público de Jaime Janer grazas a unha subvención do INEGA
Por Redacción
O Concello de Marín recibirá unha subvención de 50.000 euros por parte do Instituto de Eficiencia Enerxética de Galicia (INEGA). Forma parte dunha liña de axudas que se convocaron para a renovación de luminarias e a posta en práctica de medidas de aforro enerxético nos concellos galegos. Todo iso co obxectivo principal de reducir o gasto corrente en iluminación pública.
Para optar a esta subvención, Marín presentou un proxecto conxunto cos municipios de Pontevedra e Vilaboa, que foi aceptado polo INEGA. Cada concello fará as obras por separado, pero deberán xustificar xuntos os traballos realizados.
A proposta do goberno municipal de Marín englobaba a mellora nas luminarias da rúa Jaime Janer ata o cruzamento da estrada de Figueirido co cruzamento do cuartel da Garda Civil.
A Xunta de Goberno Local aprobou xa os pregos de contratación que rexerán o proceso, autorizándose a súa licitación polo procedemento negociado con convite a tres empresas, polo importe do proxecto presentado.
Estanse a solicitar as ofertas para poder proceder á maior brevidade á contratación da provisión das lámpadas que se cambiarán en todo ese tramo de iluminación pública, mellorando o sistema de iluminación dun alumeado que é xa moi antigo en canto á súa eficiencia e renovación.
Ao longo das próximas semanas procederase á súa adxudicación.