Blanca García-Señoráns, nova directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias da Xunta
Por Redacción
A pontevedresa Blanca García-Señoráns tomou posesión este martes como nova directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias da Xunta de Galicia.
A dirección xeral de Relacións Parlamentarias é o órgano da Consellería de Presidencia encargado de asistir ao Goberno galego nas súas relacións co Parlamento de Galicia, levando a cabo o seguimento do programa lexislativo e dos acordos parlamentarios.
Ademais, realiza funcións de apoio ao presidente da Xunta e ás consellerías nas súas intervencións parlamentarias. Blanca García-Señorans será así mesmo, a responsable da organización dos procesos electorais que son competencia da Comunidade Autónoma.
García-Señorans é licenciada en Xeografía e Historia, na especialidade de Arquivística, ámbito no que traballou gran parte da súa traxectoria profesional. Foi tamén concelleira do Partido Popular na cidade de Pontevedra e xefa de gabinete da Vicepresidencia da Xunta dende 2009.
No acto da toma de posesión estiveron presentes, entre outras autoridades, o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde; o portavoz do grupo parlamentario popular, Pedro Puy; o deputado do Congreso, Gonzalo Ordoñez; e todo o equipo directivo da Vicepresidencia e consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.