Ventilan un edificio de Cambados tras incendiarse uns cartóns nas escaleiras
Por Redacción
Os veciños do bloque de edificios da rúa Pombal número 4 de Cambados leváronse un bo susto na mañá deste martes 16 cando arredor das 7.00 horas o fume procedente dun incendio que se orixinara no descanso de acceso ás escaleiras do inmoble.
Un veciño cun extintor foi o encargado de apagar as lapas que se orixinaron ao arder cinco cartóns e uns plásticos, segundo informaron os Bombeiros do Salnés. Ata a zona achegáronse patrullas da Policía Local de Cambados e da Garda Civil, ademais dos Bombeiros de Salnés que cando chegaron ventilaron as escaleiras do edificio de oito plantas.
Algúns veciños saíran das vivendas e encontrábanse na rúa para evitar o fume, mentres que outros permanecían asustados no interior das vivendas. Non foi necesario desaloxar e ningún dos veciños sufriu intoxicacións pola inhalación de fume.
A Garda Civil investiga a orixe do lume que, segundo os primeiros indicios, tería sido provocado por un veciño do edificio que sofre problemas psiquiátricos.