Un menor de 16 anos perde un dedo dun pé tras dispararse durante unha batida de caza
Por Redacción
Unha batida de caza na que participaban un pai e o seu fillo, ambos os dous veciños de Ponte Caldelas, finalizou antes de tempo debido a un accidente cunha das armas de fogo que portaban. O menor disparouse a si mesmo de forma fortuíta e tivo que ser trasladado ata o Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP), onde os médicos se viron obrigados a amputarlle un dos dedos dun pé.
Segundo puido saber PontevedraViva, o accidente produciuse na tarde do domingo. O menor, de 16 anos, participaba xunto ao seu proxenitor nunha batida de xabaril que, segundo diversas fontes, contaba con todos os permisos pertinentes. No transcurso desta, celebrada nun monte do propio municipio de Ponte Caldelas, o menor accionou por accidente o gatillo da escopeta que portaba, disparándose no seu propio pé.
Inicialmente o mozo foi trasladado polo seu propio pai ao Hospital de Montecelo, onde foi atendido polo servizo de Urxencias.
A Garda Civil abriu dilixencias sobre o sucedido, se ben as fontes consultadas por este xornal descartan que se producise ilegalidade ou ilícito algún, xa que tanto o pai coma o fillo contaban coa correspondente licenza de caza e de armas.
O menor encóntrase actualmente ingresado no Hospital Provincial de Pontevedra.