Convocan un concurso de ideas para deseñar unha imaxe que identifique os viños escumosos Rías Baixas
Por Redacción
Os viños escumosos, un dos produtos máis novidosos da denominación de orixe Rías Baixas, ultiman os preparativos para comezar a súa comercialización a gran escala. Pero para iso, primeiro queren buscar unha nomenclatura e unha imaxe que os identifiquen no mercado. Ese é o obxectivo do concurso de ideas que ven de convocar esta D.O., en colaboración coa Deputación de Pontevedra.
O concurso é aberto ao público en xeral e cada candidato deberá presentar unha única proposta versátil con capacidade de adaptarse en diferentes formatos e espazos, pois deberá convivir con outros logos e marcas da propia denominación de orixe.
Está dotado cun único premio de 5.000 euros e os interesados disporán do prazo dun mes para presentar as súas propostas no Rexistro Xeral da Deputación. Un xurado formado por técnicos da Deputación e da Universidade de Vigo resolverá o concurso.
A convocatoria xurde da necesidade de dispoñer dunha nomenclatura que simbolice a procedencia, os matices e o carácter das Rías Baixas de cara á comercialización dos viños escumosos. Estes poden ser brancos ou tintos, varietais ou plurivarietais e son elaborados exclusivamente a partir de variedades de uva autóctona e acabados por segunda fermentación en botella seguindo o método Champenoise.
En función da súa composición e crianza, a descrición destes viños pode ser moi distinta, pero sempre destaca a súa cor amarela pálida con reflexos dourados ou vermellos con tons violáceos no caso dos tintos. Son viños limpos, brillantes, con burbulla fina e persistente. No cheiro, predominan os aromas primarios (florais e fruteiros) e secundarios (panadería e tostados). No padal, resultan viños equilibrados, frescos e lixeiramente acedos. Son viños aptos para calquera momento do día, para consumir sos ou acompañados dun aperitivo ou comida.
Relacionadas:
-
Os viños escumosos de Rías Baixas contarán con marca e nome comercial propio no Nadal
Por Redacción |
-
Nin champagne, nin cava, os escumosos de Rías Baixas buscan un nome propio
Por Oskar Viéitez |
-
Cata na D.O. Rías Baixas para a obtención da distinción Gallaecia
Por Redacción |
-
Albariño con burbullas para brindar en Nadal
Por Oskar Viéitez |