Unha muller denuncia ante a Policía un falso atraco tras esquecer o bolso nun bar
Por Redacción
Axentes da Policía Nacional procederon a identificar unha muller de 62 anos de idade, veciña de Pontevedra, con antecedentes policiais, como presunta autora dun delito de simulación de infracción penal.
Segundo fontes da Policía, os feitos sucederon o día 7 de abril, cando a muller identificada denunciaba en Comisaría ter sido vítima dun roubo con violencia.
Ao parecer e segundo relatou na súa denuncia, cando camiñaba pola Estación de Autobuses de Pontevedra, sobre as 23.15 horas do día 10 de xuño, foi abordada por dous mozos que se achegaron a ela e un deles sen mediar palabra lle arrebatou o bolso dun tirón. No interior dp mesmo portaba un teléfono móbil e unha carteira con 285 euros no seu interior. Ademais refería dor nas pernas e nun costado.
A raíz da denuncia os axentes iniciaron as investigacións durante as cales requiriron de novo a presenza da denunciante en Comisaría e para a súa sorpresa, ao volver ás dependencias policiais a muller recoñeceu ter presentado unha denuncia falsa, e explicou que en realidade o bolso non llelo subtraeran senón que se o esquecera nun bar da zona vella e o teléfono no interior do coche dunha amiga.
A muller foi informada dos seus dereitos ao ser identificada por simulación de infracción penal e da obriga de comparecer ante a Autoridade Xudicial cando para iso fose requirida.
A muller en dependencias policiais declarou descoñecer as consecuencias de presentar unha denuncia falsa.