Ferido de bala un presunto narcotraficante nun forcexo coa Policía en Vilaxoán
Por Redacción
Un veciño de Vilaxoán, coñecido polo alcume de "O Nani" resultou ferido por dous disparos efectuados tras un forcexo cos axentes dunha patrulla da Policía Nacional da Comisaría de Vilagarcía que acudiron a detelo ao seu domicilio no marco dunha operación contra o tráfico de drogas.
O ferido encóntrase ingresado no hospital Montecelo. Os disparos alcanzáronlle as extremidades inferiores. Non se teme pola súa vida.
Segundo informaron fontes policiais o ferido é un varón duns 45 anos, natural de Vilanova de Arousa.
Cando os axentes compareceron na súa residencia en Vilaxoán o home resistiuse á súa detención, o que provocou un forcexo que finalizou con dous disparos que feriron o presunto narcotraficante.
Tras resultar ferido, o Nani tratou de fuxir saltando o muro que pecha a parte traseira do terreo que rodea a súa vivenda, pero foi reducido polos axentes. No seu intento de fuxida o individuo tratou de desfacerse dunha bolsa con 125 gramos de heroína.
No rexistro efectuado na vivenda a Policía encontrou un coitelo de grandes dimensións e unha báscula de precisión.