Os chuvascos permanecerán nas Rías Baixas durante toda a semana
Por Redacción
A provincia de Pontevedra despídese do verán xa que se verá afectada por unha borrasca que entra polo oeste provocando durante este luns unha xornada de inestabilidade atmosférica e presenza de chuvascos. As temperaturas non experimentarán cambios significativos. Os ventos soprarán frouxos e moderados de compoñente sur.
Segundo MeteoGalicia, esta situación prolongarase durante os próximos días con ceos que aparecerán con nubes de tipo medio e alto. Na xornada deste martes 16, os chuvascos produciranse durante a tarde e a noite. Rexistrarase un aumento das temperaturas con máximas que alcanzarán os 27 graos.
As baixas presións situadas no Atlántico continuarán achegándose a Galicia e, a medida que se vaia achegando o fin de semana, as temperaturas situaranse entorno aos 24 graos pero continuará a alta probabilidade de que se produzan precipitacións.
Haberá que esperar á chegada do 29 de setembro para comprobar se o veranciño de San Miguel concede algún día máis de sol nun verán que se caracterizou pola inestabilidade nas Rías Baixas.