A chuvia obriga a suspender a procesión da Caridade nas Festas de Forzáns
Por Redacción
A tradicional procesión en honor á Virxe da Caridade en Forzáns no municipio de Ponte Caldelas tivo que suspenderse debido á intensa chuvia caída durante a mañá neste concello.
Non obstante, o mal tempo non evitou que a Banda de Música Cultural de Barro ofrecese un concerto de fin de festa durante a sesión vermú durante este domingo grazas á instalación dunha carpa.
As festas da Caridade de Forzáns iniciáronse o venres 12 cunha mexilloada popular gratuíta e concertos de Son de Tabernas, ademais doutras agrupacións folclóricas. Durante o sábado celebráronse as Olimpíadas Labregas con competicións tan divertidas como o lanzamento de sacho, o serrado de madeiros e o "debullado de millo".
A programación completouse cun karaoke, unha obra de teatro, unha verbena e o espectáculo para os mozos dos DJ's "Conexions Dance".