Enfrontamento político entre PP e Xuventudes Socialistas pola Biblioteca de Marín
Por Redacción
O Goberno local do Partido Popular de Marín e as Xuventudes Socialistas (XSG) entraron nun duro debate a través de comunicados con motivo das peticións realizadas pola agrupación xuvenil do PSOE marinense para mellorar as actuais instalacións da Biblioteca Pública.
Os socialistas solicitaban a creación dunha aula de estudo para universitarios que a concelleira de Cultura, Beatriz Rodríguez, rexeitou de xeito directo ao entender que "sería a primeira vez que o concello tería que realizar un gasto tan absurdo en si mesmo como o que propoñen".
A concelleira indica que "un concello non pode dedicarse a alugar un entresollado, insonorizalo e destinalo a lugar de estudo. Non podería destinar aí persoal, nin afrontar gastos de mantemento como a limpeza, a luz, a auga... ÿ dicir, non ten pés nin cabeza". Beatriz Rodríguez mantén que non existe unha demanda para poñer en marcha este servizo que levaría consigo numerosos custos.
Pola súa banda, o secretario xeral das XSG Marín, Nacho Cortés, cualifica a concelleira popular de "hipócrita e soberbia" recordando que "cando estaba en Novas Xeracións reclamaba que se habilitasen espazos para os estudantes" e agora, sinalan os socialistas, fai caso omiso ás demandas e propostas de máis de mil marinenses que asinaron unha petición para reclamar melloras na biblioteca municipal.
Os socialistas manteñen que a biblioteca municipal se encontra baixo unha pésima xestión: "é unha realidade para todos, menos para eles porque deben pisala ben pouco, nada máis que cando ben Feijóo aos seus actos de partido".