A Audiencia de Pontevedra nega a xustiza universal a un narco que pretendía librarse de ser xulgado en España
Por Natalia Puga
A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra resolveu negar a un acusado de narcotráfico acollerse á Xustiza Universal para non ser xogado en España. Un auto dos tres maxistrados que conforman este tribunal pontevedrés alude a diversa xurisprudencia do Tribunal Supremo para non estimar as cuestións previas presentadas pola defensa do acusado, que o pasado 1 de xullo evitou que se iniciase o xuízo no que debía ser xulgado xunto a outras dúas persoas por un delito de tráfico de drogas.
A defensa do acusado Antonio Cruz V.S., cidadán colombiano residente legalmente en España e actualmente en prisión provisional, sorprendeu no inicio da sesión ao alegar a falta de xurisdición da Audiencia de Pontevedra para xulgar o seu procedemento en virtude da nova Lei Orgánica 1/2014 do Poder Xudicial relativa á Xustiza universal, solicitando o sobresemento da causa.
Nun auto dado a coñecer este venres, a Audiencia argumenta que se ben a droga coa que supostamente traficaba o acusado foi incautada en Lisboa, a finalidade sería a súa introdución en España e, ademais, parte do delito contra a saúde pública do que é acúsalle teríase cometido en territorio español. Considera que os tres acusados supostamente xestionaron e planearon dende este país a importación dende Colombia dun colector con anacos de piña no que se ocultou a droga.
O colector coa droga, segundo acusa a Fiscalía da Audiencia de Pontevedra, habería de ser remitido por unha empresa cuxo administrador único é o acusado Antonio Cruz V.S. con destino a unha empresa propiedade do cidadán portugués B.M.N.C. Para organizalo, o acusado colombiano supostamente reuniuse en Madrid co imputado Alberto C.R. co fin de entregarlle o diñeiro necesario para levar a cabo a operación de narcotráfico. O diñeiro presuntamente levárono os acusados Alberto C.R. e Severo G.M. a Lisboa.
"O delito haberá de comprenderse cometido tamén en territorio español, o que determina a xurisdición deste Tribunal para o coñecemento da presente causa", conclúe o tribunal, que tamén desestima os outros motivos alegados polos tres acusados para evitar ser xulgados. O propio Antonio Cruz V.S. pedía non ser xulgado pola Audiencia porque se tramitaron dous procedementos polos mesmos feitos, un en Portugal e outro en España, o que impediría o axuizamento.
A defensa do acusado Severo G.M. solicitou como cuestión previa a nulidade da proba obtida mediante as intervencións telefónicas, posto que non se puxeron á súa disposición as gravacións e só consta a transcrición policial das escoitas. Tamén denunciou que non constaba no procedemento os documentos relativos ao comiso de droga en Ecuador e que, polo tanto, non podían ser obxecto de contradición. O auto da Audiencia tamén desestima estas cuestións.
As cuestións previas formuláronse o día que o xuízo debía comezar na Sección Segunda da Audiencia e o presidente do tribunal, José Juan Barreiro Prado, decidiu que a cuestión formulada tiña o suficiente calado como para non ser abordada no momento e decidiu aprazar a celebración da vista oral e que os tres maxistrados da Sala o analizasen. Agora que desestimou todos os recursos xa pode sinalarse unha nova data para xulgalos.
Os tres están imputados por un delito contra a saúde pública en cantidade de notoria importancia e simulando operacións de comercio internacional entre empresas e o fiscal pide para cada un 11 anos de cadea e o pagamento dunha multa de 1,8 millóns de euros.
Relacionadas:
-
A Audiencia pontevedresa condena tres narcos por introducir cocaína camuflada en latas de piña
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O fiscal reduce de 11 a 6 anos a petición de cadea para un acusado de traficar cocaína entre piña e pescada
Por Natalia Puga |
-
Dous acusados de traficar con cocaína entre piña e pescada intentan tombar as picadas que os incriminan
Por Natalia Puga |
-
O narco que apelou á xustiza universal para non ser xulgado en España recoñécese culpable
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Sinalan por terceira vez o xuízo contra tres narcos acusados de introducir cocaína polo Porto de Marín
Por Redacción |
-
A Fiscalía pide que se investigue a un dos avogados nun xuízo por narcotráfico por obstrucción á Xustiza
Por Oskar Viéitez |
-
O narco que apelou á xustiza universal sentarase no banco da Audiencia o próximo martes
Por Redacción |
-
Pontevedra afronta o primeiro caso dun narco que apela á xustiza universal para non ser xulgado en España
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Piden 33 anos de prisión para os tres acusados de introducir 56 quilos de cocaína en latas de piña
Por Redacción |