As comunidades de montes proxectan un xardín botánico para reformar o Lago de Castiñeiras
Por Anxo Lourido
Os presidentes das Comunidades de Montes propietarias dos terreos que ocupa o parque do Lago de Castiñeiras e Cotorredondo asinaron este venres 12 un acordo encamiñado á constitución dunha Fundación de carácter público e privado que se encargue da xestión deste ámbito natural do parque de Castiñeiras.
As Comunidades de Santomé de Piñeiro e San Xulián de Marín, Santa Cristina de Cobres e San Martiño de Vilaboa levan xa varias sesións de traballo para impulsar a posta en marcha dunha reforma do ámbito do lago. O seu proxecto ten como elemento estrela a creación dun Xardín Botánico formado por 13 hectáreas de superficie no que se incluirían especies de plantas e árbores dos cinco continentes, coa creación dun insectario.
O proxecto podería estar en funcionamento, segundo os cálculos dos comuneros, nun prazo máximo de dous anos. A entrada a este espazo acoutado sería a través de pagamento. Fóra dese recinto permanecería o lago, que xunto ao miradoiro de Cotorredondo, pasaría a formar parte das 77 hectáreas de superficie de espazo natural (actualmente o parque ocupa 44 hectáreas) que, segundo os promotores deste proxecto, se habilitaría para ocio dos visitantes.
Ademais, teñen previsto traballar na conservación das mámoas e restos arqueolóxicos que se encontran na zona, converter o miradoiro nun Centro de Interpretación e que esta superficie pase a ser un exemplo do tratamento do monte en Galicia. Ao mesmo tempo, manteríase a actividade no actual centro de recuperación de faune silvestre.
Os presidentes Daniel Rosales, Manuel Estévez, Xosé César Blanco e José Luis López anunciaron que con esta proposta queren poñer en valor o lago ao comprobar que nos últimos anos se veu observando o abandono das instalacións por parte da Administración. Neste sentido, queren poñer en marcha este proxecto co apoio de catro consellerías da Xunta de Galicia, coa Deputación provincial e cos concellos de Marín e de Vilaboa, institucións coas que se poñerán en contacto nos próximos meses para comprobar a aceptación desta proposta. Tamén están interesados en que no proxecto participen as principais empresas da comarca.
Segundo explicou Daniel Rosales, presidente da comunidade de Santomé de Piñeiro, o obxectivo é poder empregar sete ou oito persoas que se encargarían da limpeza e dinamización do parque, con melloras na sinalización e nos servizos que actualmente se ofrecen aos visitantes.
As catro comunidades achegan un total de 8.000 euros para a elaboración do proxecto e do presuposto necesario para levalo a cabo.
Relacionadas:
-
Xa está aquí o plan de mellora da contorna do Lago de Castiñeiras
Por Redacción |
-
Volverán as barbacoas ao lago Castiñeiras?
Por Redacción |
-
O BNG de Marín e Vilaboa comprométense co proxecto da Fundación Lago de Castiñeiras-Cotorredondo
Por Redacción |
-
A Deputación de Pontevedra integrarase na Fundación Lago Castiñeiras
Por Oskar Viéitez |
-
Os comuneiros de Santa Cristina de Cobres negocian co Arzobispado a cesión da casa rectoral
Por Oskar Viéitez |