O Concello engade un millón de euros ao orzamento 2014 para novos investimentos
Por Redacción
A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra aprobará o próximo luns unha modificación de crédito que permitirá usar 2,3 millóns de euros de aquí a final de ano para destinar a investimentos un millón de euros máis do previsto no presuposto 2014, 300.000 euros a actuacións vinculadas coa promoción da cidade e a celebración de eventos deportivos e un millón de euros a amortizar un préstamo bancario pendente.
A intención do Goberno local é levar esta modificación ao próximo Pleno da Corporación para poder dispoñer dos 2,3 millóns antes de que remate o ano. No caso do millón que se engadirá ao capítulo de investimentos municipais, a necesidade de recorrer a unha modificación de crédito xustifícase con que sufragará "necesidades que foron xurdindo ao longo do exercicio económico", como, por exemplo, 210.000 euros que se dedicarán a rehabilitación de rúas.
Segundo explicou o voceiro do Goberno local, Raimundo González, investiranse 125.000 euros en actuacións para mellorar a accesibilidade no rural e 85.000 euros para mellorar a accesibilidade urbana. Unha das actuacións de maior contía destinarase ao centro social do Burgo e a axeitar o acceso a Pasarón entre o estadio e a igrexa do Burgo, que custará 125.000 euros.
O Pleno debaterá unha modificación de crédito de 2,3 millóns de euros, un millón para amortizar un préstamo
Ademais, este diñeiro liberado coa modificación de crédito destinarase a actuacións xa executadas como a obra de emerxencia que se acometeu para substituír a canalización que surte de auga a Marín e Bueu (50.000 euros) ou o baleirado do edificio abandonado do que se derrubou o tellado entre as prazas da Verdura e A Leña (67.000 euros).
En resposta ao proxecto proposto pola concelleira do PP Rosa Picallo para mellorar a situación da parcela do antigo colexio de Marcón, destinaranse 30.000 euros a derrubar o vello edificio e acondicionar a zona. Ademais, con 60.000 euros reforzaranse as bolsas de fomento do emprego, con 51.161 mellorarase a rede de rede de sumidoiros e 40.000 dedicarase a arranxar a fachada do Teatro Principal.
Raimundo González destacou que a partida máis elevada desa modificación de crédito son os 1.052.592 euros de superávit do último exercicio que se destinará á amortización dunha débeda contraída no ano 2012. Unha vez que se retira ese crédito, a débeda municipal sitúase en 19,5 millóns, de tal forma que pasa a ser o 31,37% ao 29,77%. "Seguimos disminuindo a débeda do Concello", explica Raimundo González.
Segundo indicou o voceiro do Goberno local, o Concello está nestes momentos "no límite do teito de gasto e estabilidade que se nos permite" e dispón dun remanente líquido de tesouraría de máis de cinco millóns.