Ferpalia e Pomóvil sortean a crise e manteranse no calendario feiral de Pontevedra no 2012
Por Redacción
Ferpalia, o Salón do Turismo de Galicia, e as dúas edicións de Pomóvil, o Salón do Automóbil de Pontevedra, manteranse no calendario feiral de Pontevedra neste ano 2012. Así o decidiu o comité executivo da Cámara de Comercio de Pontevedra. Ambos certámenes serán financiados coa axuda económica do Concello de Pontevedra, que complementará aos recursos propios da entidade cameral.
O presidente da Cámara de Comercio, Antonio Gómez Rivera, destacou ao término do comité o enorme esforzo que supón para a esta institución cumprir co calendario ferial este ano, "porque no noso caso, a crise é dobre: a que soportan todos os cidadáns, e a que nos xera o decreto de decembro de 2010 que eliminou as cotas obligatorias que pagaban as empresas á Cámara".
Esta escaseza de recursos propios ameazou con que Ferpalia e Pomóvil seguisen o camiño da pasarela de moda Pontus Veteris, a cuxa organización renunciou a Cámara de Comercio, porque segundo explicou Gómez Rivera "antes de comprometer a saúde económica da Cámara con feiras e outras actividades, había que priorizar os gatos de persoal".
Con respecto a Ferpalia, que das dúas era a que tiña máis complicado continuar este ano, o comité executivo da Cámara decidiu que a empresa Grupo Norte, que gestiona a Bolsa de Contratación para esta vixésima edición de Ferpalia, dese este servizo pola súa conta e con financiamento alleo á feira, "porque se trata dun cita que require moito tempo e xestión para contactar cos turoperadores e organizar as súas axendas".
Polo momento, descoñécense as datas que baralla a Cámara de Comercio para Ferpalia e Pomóvil. Agárase que este e outros detalles determínense nos próximos días.