Inutilizan os baños da praia de Portecelo tras forzar o seu fecho e enchelos de pedras
Por Redacción
Instalacións e servizos municipais de Marín volveron ser o obxectivo dos vándalos. Nesta ocasión, os roubos e os danos producíronse na zona do vial de praias, segundo informa o concello marinense.
En concreto, a pasada noite forzaron os fechos dos cuartos de baño da praia de Portocelo e enchéronos de pedras, deixándoos inutilizados. Ademais, roubaron tres papeleiras.
Pola súa banda, na praia de Aguete roubaron catro colectores e forzaron o fecho da nova caseta de socorrismo. Alí romperon tamén un lavabo e roubaron a billa. E por último, na praia do Santo o roubo de mobiliario urbano centrouse nun colector.
Dende o goberno municipal lamentan que se sigan producindo este tipo de accións, posto que os custos de reparación e reposición "repercute directamente en todos os veciños de Marín".
Polo momento non se cuantificaron os danos causados nestes incidentes.