Susto no centro histórico por un incendio nunha casa deshabitada preto do Parador
Por Mónica Patxot
As alertas saltaron este martes no centro histórico ao empezar a saír fume das inmediacións do Parador de Turismo. As sirenas dos Bombeiros e as policías Local e Nacional de Pontevedra empezaron a solaparse e os veciños arremuiñáronse na zona do establecemento hoteleiro, pero todo era un susto. Estaba a arder unha casa deshabitada e en media hora as lapas quedaron controladas sen deixar nada máis que danos materiais no interior da propia vivenda afectada.
A vivenda incendiada ocupa o número 9 da rúa Barón, entre o Parador e o cruzamento das Cinco Calles, e, segundo informaron os Bombeiros, empezou a arder a bufarda por motivos que aínda se descoñecen, sen que as lapas pasasen ás vivendas lindeiras. Si resultou bastante danado o propio inmoble.
Os Bombeiros recibiron a alerta ás 16.10 horas e arredor das 18.00 os dous vehículos desprazados ao lugar volvían ao parque. Para poder sufocar as chamas tiveron que abrir a porta da vivenda lindante, acceder ao interior e subir á bufarda, de modo que as tarefas de extinción se demoraron. De todos os xeitos, en media hora xa estaba controlado.
O traballo dos efectivos de extinción de incendios prolongouse unha hora máis porque tiveron que asegurar e arrefriar a zona, así como airear o propio inmoble. Mentres tanto, a Policía Local cortou o acceso á rúa peonil nas dúas esquinas superior e inferior para evitar que os curiosos se achegasen e localizou ao propietario da vivenda, que xa foi localizado para facerse cargo do inmoble.