"O Castro das Croas é moi importante dentro do proceso de desenvolvemento do mundo castrexo en Galicia"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A intervención arqueolóxica do Monte das Croas deste verán tivo un resultado "moi positivo" que permitiu que os arqueólogos confirmasen que o Castro das Croas "é un castro antiguo dentro do fenómeno catrexo, que pode ter mais de 2.500 ou 2.600 anos" e estén a pensar xa nas propostas que se presentarán ao Concello para que promova unha nova campaña de escavacións no que consideran "un castro moi importante dentro do que é o proceso de desenvolvemento do mundo castrexo en Galicia".
O director da escavación, Eduardo Méndez, explicou que a intervención en si rematou este venres 5 de setembro, pero a escavación quedará aberta porque nos próximos meses o Concello promoverá diversas actividades de difusión. Posteriormente farase un tapado preventivo ata a campaña do ano que ven.
Os traballos realizados centráronse na estrutura situada na parte superior do espazo, que resultou ser unha cabana case completa, e na zona de muralla situada na parte de abaixo. Ambos os dous resultaron ser "elementos de grande interese", en especial, a muralla. Segundo Eduardo Méndez, "nos está falando dun tipo de estructura praticamente único nun castro desta antigüidade", pois o normal é que teñan unas estruturas "moito máis débiles, moito menos aparentes" e, neste caso, descubriron "unha muralla de un porte francamente especial, espectacular".
E canto á cabana superior, puideron completar a escavación, pero descubriron que "está practicamente arrasada" e non chegaron a escavar propiamente os niveis de uso da cabana, só a cimentación. A pesares diso, atoparon materiais arqueolóxicos que lles van "axudar a caracterizar mellor a nivel cronolóxico a ocupación do castro".
Á vista destes resultados, de cara ao futuro, proporán ao Concello seguir escavando na zona da muralla para buscar máis estruturas (calculan que ten 100 metros e hai á vista 14) e, na parte superior, retirar parte dos recheos que levan alí dende a campaña arqueolóxica promovida por Antonio de la Peña nos anos 90 e seguir á procura de máis cabanas para definir mellor a ocupación do castro. A finalidade última da súa proposta será facer unha nova campaña encamiñada a consolidar e restaurar a muralla para que poida deixarse visitable e ir ampliando para deixar mais tramos de muralla e máis estruturas á vista.
O equipo que realizou a intervención explicou os seus resultados a unha delegación municipal encabezada polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e coa presenza da concelleira do PSdeG-PSOE Carlota Román e a non adscrita María Biempica. Á visita estaban convidados todos os grupos políticos con representación na Corporación, pero o representante que prevía asistir en nome do PP, Pablo Fernández, tivo que disculpar a súa ausencia no último momento.
Lores resaltou que o Concello quere poñer en valor o Castro das Croas, un dos máis antigos que hai en Galicia escavados, e a idea é que o ano que ven se poida facer un investimento maior ao da campaña 2014 para "seguir investigando e poder descubrilo, musealizado e poñelo a vista de todo o mundo" como "un elemento importante da historia de Pontevedra".
Carlota Román aplaudiu esta intervención, financiada por fondos municipais e de programas europeos, porque está "poniendo en valor nuestra riqueza arqueológica y, en definitiva, nuestra cultura" e "descubrir nuestro pasado es una forma de reforzar nuestro presente y nuestro futuro". Na mesma liña, María Biempica salientou que lle gusta que "o Concello participe neste tipo de iniciativas".
VISITA GUIADA
A escavación do Castro das Croas recibirá este martes unha nova visita guiada a cargo do presidente da Sociedade Antropolóxica Galega, Rafael Quintía. Esta visita está aberta a todos os cidadáns sen necesidade de inscrición previa a partir das 11.00 horas e abordará aspectos antropolóxicos, etnográficos e dos usos sociais e rituais do espazo.
No proceso de estudo do Castro, ademais dos aspectos arqueolóxicos, cobra un importante papel a análise dos significados e usos que foi adquirindo este espazo ao longo do tempo.
Relacionadas:
-
Inician os traballos para consolidar os achados no Castro das Croas
Por Redacción |
-
Localizan un posible petróglifo no muro de peche dunha casa da Armada, en Salcedo
Por Redacción | Creada e actualizada
-
35.000 euros para sinalizar e balizar todo o patrimonio etnográfico de Salcedo
Por Alejandro Espiño |
-
Continúan as actividades para difundir o Castro das Croas
Por Redacción |
-
Novos achados na escavación do Castro das Croas
Por Redacción |
-
Achan 42 anacos de cerámica nas escavacións do Castro das Croas
Por Redacción |
-
Inician os traballos de recuperación do Castro das Croas en Salcedo
Por Redacción |
-
A recuperación do patrimonio rural dá un salto adiante cunha escavación arqueolóxica no Castro das Croas
Por Redacción |