Unha empresa de eventos sondea a dispoñibilidade de Fexdega para celebrar feiras
Por Redacción
O debate aberto sobre o futuro da actividade feiral en Fexdega e o deseño dun novo proxecto feiral máis acorde cos tempos e a situación da economía global serviu para chamar a atención sobre as instalacións da Maroma por parte de empresas especializadas.
De feito, representantes dunha firma de organización de eventos que opera en Galicia entrevistouse co alcalde e presidente do Padroado Fexdega, Tomás Fole, para amosar o seu interese polo recinto feiral da Maroma á hora de planificar e encargarse da organización de eventos no recinto vilagarcián.
A empresa, que xa traballa en recintos de exposicións de varios municipios de Galicia, entre eles Santiago, sondou ao presidente do Padroado sobre a dispoñibilidade de datas en Fexdega.
Os seus representantes tamén explicaron o xeito de traballar que seguen noutros municipios a efectos de garantir o éxito de participación dos eventos que organizan, poñéndose en contacto previamente cos sectores locais e da zona para avaliar de antemán o interese e respaldo dos mesmos.
Neste contexto, Fole comprometeuse a poñer en contacto á operadora feiral cos responsables de FECA e Zona Aberta, cos que o presidente do Padroado ten previsto manter senllas xuntanzas esta semana para coñecer a súa opinión sobre o modelo feiral que debe implantarse en Vilagarcía. Neses encontros xa se lles adiantará o exposto pola empresa de organización de eventos a efectos das posteriores reunións a celebrar entre uns e outros.
Fole valorou moi positivamente a visita desta firma, que demostra que as instalacións de Fexdega resultan atractivas para a iniciativa privada de cara á organización de feiras, exposicións e outro tipo de grandes eventos. Non obstante, sinalou que para que calquera proposta resulte exitosa tamén se debe contar coa implicación e o apoio dos sectores empresariais e comerciais da zona.
Trátase de que a operadora deseñe e organice eventos que resulten atractivos, innovadores e xeren negocio, pero tamén de que os axentes económicos os apoien coa súa participación.
Polo de pronto, esperarase a manter os contactos previstos para comprobar se fructifica a posibilidade de organizar algunha actividade de cara a finais de ano e, con vistas ao futuro inminente, tratar de elaborar un paquete de propostas que puideran desenvolverse ao longo do ano que ven, compatibilizando o uso feiral e deportivo das instalacións da Maroma.