O fiscal recorre a absolución do empresario pontevedrés xulgado pola operación Corbeta de fraude a Facenda
Por Natalia Puga
A Fiscalía da Audiencia Provincial de Pontevedra presentou un recurso de apelación contra a sentenza do Xulgado do Penal número 4 da capital que absolve o empresario pontevedrés Ángel Manuel C.M, xulgado o pasado mes de abril por un delito contra a Facenda tras ser detido no marco da operación Corbeta desenvolvida a nivel nacional no ano 2009.
O citado empresario, administrador da empresa Opirata Technology, enfrontábase a unha pena de dous anos de prisión por defraudar 252.319 euros ao ter declarado vendas de material informático entre países da Unión Europea das que non constan xustificantes de pagamento para, desta forma, presuntamente eludir o pagamento do IVE de operacións que en realidade se tiñan realizado en territorio nacional.
Fronte a estas acusacións que mantiñan o fiscal de Delitos Económicos, Augusto Santaló, e a Avogacía do Estado, o xuíz concluíu que non se pode considerar probado que as operacións declaradas como exentas polo acusado non teñan esa condición. Como consecuencia, lle absolve, xa que "non está acreditado que as operacións fosen operacións suxeitas a tributación e, polo tanto, non pode considerarse probado que existise fraude tributaria".
Entre outras circunstancias, no xuízo que se celebrou en abril non puido analizarse a documentación relativa á facturación da empresa Opirata. Esa documentación si figuraba na fase inicial da operación, que coordinou a Audiencia Nacional e desenvolveron a Garda Civil e a Axencia Tributaria. No Xulgado do Penal número 4 de Pontevedra, non obstante, nunca se recibiu.
Ao respecto, o maxistrado argumenta na súa sentenza que "non consta, nin nos autos nin no momento do xuízo, a proba documental enumerada", que o Xulgado de Instrución da Audiencia Nacional asegura nun dos seus autos que remite a través dun DVD. Ao non constar en autos, o xuíz determina que "non existe tal proba".
Agora, a Fiscalía, nun escrito asinado por Augusto Santaló, recorre a absolución alegado que se ben é certo que falta esa documentación, esta carece de relevancia á hora de ditarse sentenza. Pide que se dite unha nova sentenza considerando que as operacións intracomunitarias declaradas polo acusado non foron reais e que os produtos foron vendidos en territorio español e, polo tanto que o empresario natural de Moaña sexa condenado a dous anos de prisión e ao pagamento dunha multa de medio millón de euros e a devolución dos 252.319 euros supostamente defraudados.