Expertos tratarán de poñer luz sobre a factura eléctrica
Por Oskar Viéitez
Este martes dous de setembro abriron as oficinas comarcais de asesoramento e información aos usuarios de electricidade. Trátase dunha iniciativa da Deputación de Pontevedra en colaboración coa Unión de Consumidores de Galicia que se presentou de man do presidente provincial Rafael Louzán.
Trátase de dez puntos de asesoramento individualizado en distintas localidades da provincia nos que se resolven as dúbidas e consultas dos usuarios.
Para iso é convinte que os consumidores acudan coas últimas facturas, "cantas máis mellor", para que os técnicos que se atopan á fronte destas oficinas poidan facer unha análise comparativa, expoñerlles as distintas opcións de contratación e de tarifas, de maneira que poidan optar por aquelas posibilidades que lles supoñan un menor desembolso económico.
A través destas oficinas preténdese informar aos usuarios en que consiste a factura, "o usuario non se adoita fixar máis aló do importe", aquí trátase de informar con quen teñen contratada a electricidade, detallar e explicar as tarifas, ou como conseguir un aforro nesta factura.
Segundo explicou o portavoz da Unión de Consumidores, Miguel López, a diversidade normativa e a complexidade do sector eléctrico fan que para moitos usuarios resulte complicado recoñecer os mecanismos de funcionamento do mercado, os seus dereitos e obrigas ou ata, a diversidade de fórmulas de contratación, de tarifas e de prezos.
Ademais, nos últimos anos os prezos da electricidade incrementáronse de modo significativo de igual forma que se multiplicaron as reclamacións dos consumidores.
Como curiosidade, entre as primeiras persoas que hoxe acudiron ás oficinas detectouse xa unha elevada porcentaxe de usuarios que estaban no mercado libre sen sabelo. O prezo do quilovatio no mercado regulado situouse entre o 1 de xaneiro e o 31 de agosto en 10,8 céntimos, mentres que o prezo fixo anual que están ofertando as comercializadoras non baixa dos 14 céntimos.
Estarán abertas ao público de 10,00 horas a 14,00 horas, de luns a venres
Así, Miguel López asegurou que non se entende "como 10,5 millóns de españois están nun mercado no que pagan máis pola electricidade e que lle garante menos dereitos".
Outras dúbidas consultadas versaban sobre se era necesario substituír os contadores analóxicos por dixitais ou a existencia da tarifa de ÿltimo Recurso (Bono Social), as posibilidades de cambio de tarifa e como facelo.
As oficinas comarcais que entraron en funcionamento e que estarán abertas, como mínimo, durante os próximos dous meses, están situadas na sede da Deputación en Pontevedra e en Vigo; nas respectivas casas consistoriais en Cangas, A Estrada, Lalín, Tui e Vilagarcía; en Exposalnés, en Cambados; na Oficina Municipal de Información ao Consumidor en Ponteareas; no Multiusos da Xunqueira en Redondela, e estarán abertas ao público de 10,00 horas a 14,00 horas, de luns a venres.
Esta rede de oficinas completa o traballo de información realizado nos meses de xuño e xullo, con charlas en 18 concellos da provincia.
Louzán e López coincidiron na necesidade de poñer luz sobre un mercado que adoeceu sempre de falta de transparencia e na que, segundo afirmaron, agora o goberno central está tratando de "poñer orde".
Relacionadas:
-
Máis do 80% das 3.500 familias atendidas pola Unión de Consumidores pagaban de máis na súa factura eléctrica
Por Redacción |
-
Consumo detecta casos de familias pontevedresas enganadas polas empresas eléctricas
Por Oskar Viéitez |
-
Amplían ata finais de novembro o servizo de asesoramento da factura enerxética
Por Redacción |
-
Máis de 10.000 familias da provincia de Pontevedra perderon o bono social da luz
Por Oskar Viéitez |
-
Preto de 1.000 familias recibiron asesoramento sobre a factura da luz
Por Redacción |
-
Pontevedra acollerá unha das 10 oficinas de asesoramento personalizado sobre a factura eléctrica
Por Redacción |