BNG e veciños reclaman medidas urxentes ante as verteduras continuas ao río Loira
Por Redacción
O BNG de Marín faise eco das demandas que os veciños de Loira levan reclamando do Concello dende hai meses para mellorar os servizos básicos neste núcleo de poboación. Entre outras queixas, sosteñen que a falta de mantemento da rede de alcantarillado está a provocar verquidos en direfentes puntos do núcleo dos que xa deron parte en repetidas ocasións sen que se prestase atención algunha.
Ao respecto, a voceira do BNG, Pilar Blanco, pide medidas urxentes e explica que as augas fecais "están aflorando á superficie" e discorren polas escaleiras que dan acceso ás casas da parte máis alta provocando cheiros e incomodidades que os veciños "están fartos de soportar". Na súa opinión, este é un síntoma máis da "deficiente atención" que a Concellaría de Medio Ambiente está a prestar a un servizo básico como é a rede de saneamento municipal.
Segundo indican os nacionalistas a través dun comunicado, o ente público Augas de Galicia requiriu en abril deste ano ao Concello, baixo ameaza de sanción, que se retirase o tubo que cruza o río Loira despois de que o Servizo de Conservación da Natureza detectase que o aliviadoiro do bombeo de fecais estaba vertendo directamente ao cauce. Esta situación repetiuse en varias ocasións durante este verán, ata que o pasado día 29 se rompeu a tubaxe de impulsión.
Augas de Galicia tamén require, segundo Pilar Blanco, a limpeza do río con medios manuais e mecánicos e a reposición do xabre do paseo, pois o paseo está "totalmente intransitable" polo que considera unha actuación "chapuceira" que en lugar de achegar xabre natural encheu o sendeiro de grava e cascallos. A pesar desta situación, o Goberno local "fai caso omiso" tanto das demandas dos veciños como de Augas de Galicia.
Ademais, os veciños demandan que o Servizo de Costas do Estado retire os sedimentos da desembocadura do río e maior limpeza na praia e o seu entorno, que é "totalmente deficiente". Neste senso, os nacionalistas manteñen que empresa privada que se encarga desta tarefa destina as mesmas persoas para todas as praias de xeito que Loira é a última que se limpa e "de xeito totalmente insuficiente".
Relacionadas:
-
Denuncian a aparición dunha nova vertedura no río Loira
Por Redacción |
-
Denuncian unha nova vertedura no río Loira que chegou á auga da praia
Por Redacción |
-
Madrugada atafegada para evitar que a rotura dunha canalización afectase á praia de Loira
Por Redacción |
-
Veciños e BNG denuncian unha vertedura de augas fecais no río e a praia de Loira
Por Redacción |