O alcalde de Pontevedra será ponente dun curso de Alta Dirección para universitarios mexicanos
Por Oskar Viéitez
O Concello de Pontevedra, a planta de PSA-Citröen en Vigo, o aeroporto de Peinador, o Real Club Celta, ou a Cidade da Cultura son algunhas das entidades que, ao longo das próximas dúas semanas, centrarán a atención dunha vintena de estudantes da universidade mexicana de Anáhuac, que veñen de cruzar o Atlántico para asistir desde este luns en Pontevedra á sexta edición do Curso de Alta Dirección en Empresas e Comunicación.
Baixo a coordinación do profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Pedro Pablo Gutiérrez, este grupo de alumnos completarán o seu mestrado en Alta Dirección participando nunha actividade formativa na que poderán intercambiar impresións con responsables de diversas empresas e institucións, que teñen como denominador común ser grandes entidades, con moito volume de traballo e moita responsabilidade.
Non en van, o obxectivo central desta iniciativa é que este grupo de estudantes poida obter outra perspectiva da alta dirección, motivo polo que na relación de conferenciantes do curso figuren nomes como os de Arsenio Prieto, director do Instituto Feiral de Vigo; Javier Garrido, presidente do Círculo de Empresarios de Galicia; Enrique Mallón, secretario xeral da Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia (Asime); Eduardo López Pereira, director xeral da Axencia de Calidade Universitaria de Galicia (ACSUG), ou Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra.
Trátase dun curso co que completan a súa mestría alumnos de diferentes especialidades, polo que o obxectivo é que poidan escoitar a directivos de empresas e institucións moi diversas, salienta Gutiérrez, director dun curso que asisten estudantes de posgrao de especialidades como dirección empresarial, finanzas, dereito corporativo, comunicación corporativa ou administración pública.