Unha empresa local interésase polo servizo de aluguer de bicis en Vilagarcía
Por Redacción
Representantes dunha empresa local contactaron hai uns días co Concello interesándose polas condicións requiridas para xestionar o servizo de aluguer de bicicletas que deixou de prestarse o 1 de outubro tras esgotarse a prórroga dun mes concedida á concesionaria.
Nesta primeira conversa, dende o Concello informóuselle de que, dada a situación económica das arcas municipais, as únicas posibilidades pasan porque a prestación se faga con custe cero para o Concello ou cunha aportación mínima. Os empresarios quedaron en volver para requirir no servizo de Contratación os requerimentos técnicos, legais e de trámites precisos.
O goberno local acolleu de xeito positivo o interese desta empresa de Vilagarcía xa que, como se dixo en varias ocasións, no contexto económico xeral, as administracións non poden asumir o custe de servizos non obrigatorios ou prioritarios como se viña facendo ata o de agora, polo que resulta necesaria a implicación a iniciativa privada e que sexa ista quen asuma os posibles riscos.
as administracións non poden asumir o custe de servizos non obrigatorios ou prioritarios como se viña facendo ata o de agora
O servizo municipal de aluguer de bicicletas, o Vai Bike, deixou de prestarse o 1 de outubro unha vez finalizada a prórroga dun mes aprobada polo Concello coa concesionaria. As causas foron o elevado custe que supoñía para as arcas municipais o mantemento da prestación nas actuais condicións económicas unido á imposibilidade legal de conceder novas prórrogas.
Cómpre lembrar que o Inega xa non prevé subvencións para este tipo de servizos polo que o Concello tería que pagar 76.000 euros ao ano por un servizo cuxa recadación era de pouco máis de 3.000 euros e que no mes de agosto non chegaba aos 500 usuarios dados de alta, os cales non facían uso constante das bicicletas.
Tras o primeiro contacto coa empresa interesada en explotar o servizo de aluguer de bicicletas, o goberno confía en que a firma, unha vez avaliada a situación, presente unha proposta. Mentres, todas as bicicletas do Vai Bike xa se encontran convenientemente gargadas nos mesmos baixos do Auditorio nos que se depositaban durante as noites cando funcionaba o servizo.