A Escola Naval prolonga durante setembro as visitas guiadas ás súas instalacións
Por Redacción
Dende que o 31 de xullo a Escola Naval Militar de Marín empezase a organizar visitas guiadas ás súas instalacións, máis de 600 persoas aproveitaron esta ocasión para coñecer o centro.
Debido a esta grande acollida a dirección da Escola Naval decidiu ampliar as visitas durante o mes de setembro, mantendo os mesmos días e horarios: martes e xoves de 11.30 a 12.30 horas e sábados e domingos de 11.30 a 13.00 horas.
Para participar nesta actividade non se precisa autorización previa, o que animou numerosos veciños a participar.
A estas cifras hai que engadir as máis de 800 persoas pertencentes a diversos colectivos como clubs deportivos e asociacións que visitaron as instalacións tras solicitalo previamente.
A Escola Naval engade ademais que "ao redor de 10.000 usuarios alleos á ENM" utilizaron no último ano as instalacións deportivas do centro e a súa galería de tiro.