Prisión para o veciño de Meis arrestado a bordo dun veleiro con 800 quilos de cocaína
Por Natalia Puga
O veciño de Meis Avelino Martínez García e os outros dous detidos a bordo do veleiro Pandora Lys, cando se dirixía ás costas galegas con 800 quilos de cocaína a bordo, ingresaron este xoves en prisión por orde do Xulgado de Instrución número 5 de Vigo. O arousano é coñecido na súa localidade por presentarse na candidatura do BNG das últimas eleccións municipais.
Os tres (os outros dous son o veciño de Malpica Enrique Pose Haz e a valenciana Cristina Aibar Lara) pasaron a disposición xudicial pola mañá tras o seu arresto o martes en alta mar e o xuíz decretou o seu ingreso en prisión sen fianza. Agora farase cargo do seu situación a Audiencia Nacional, que dirixiu a operación.
Avelino Martínez García, de 40 anos, ocupou nas eleccións municipais de 2011 o número 10 da lista do BNG, pero nos últimos tempos non se lle coñece ningunha actividade na vida política local.
A operación na que resultaron detidos os tres realizárona de forna conxunta a Policía Nacional e a Garda Civil, coa colaboración da DEUSA. A embarcación, de pavillón español, proviña de Sudamérica e foi abordada polos axentes en augas de Portugal. Dentro apareceron 800 quilogramos de cocaína procedente de Colombia, dispostos en diferentes tipos de embalaxes e valorados en 28 millóns de euros pola súa pureza. Foron detidos os tres tripulantes.
Dende o pasado mes de novembro, as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado investigaban de forma conxunta a unha organización dedicada ao transporte de grandes cantidades de cocaína dende Sudamérica a España. Para efectuar o transporte, os integrantes desta organización empregaban diversos tipos de embarcacións como mercantes, pesqueiros, veleiros ou lanchas rápidas. Esta organización pretendía, unha vez descargada a droga nas costas españolas, distribuíla ao longo do noso país, así como no resto de Europa.
Froito das investigacións policiais descóbrese que un veleiro desta organización tería zarpado a España cunha importante cantidade de estupefaciente. Por este motivo, púxose en marcha un operativo conxunto no que a Garda Civil fretou o seu barco Río Miño cunha dotación de axentes do GEO da Policía Nacional, así como de investigadores adscritos á Brigada Central de Estupefacientes do Corpo Nacional de Policía e á Unidade Central Operativa da Garda Civil.
A operación estivo coordinado a nivel nacional e internacional polo Centro de Intelixencia contra o Crime Organizado (CICO) da Secretaría de Estado de Seguridade con informacións procedentes dos seus Oficiais de Enlace en MAOC-N e JIATFs. Nos labores de localización participaron aeronaves da Garda Civil, do Exército do Aire Español e da Forza Aérea de Portugal.