900.000 euros para poñer a punto Mourente
Por Redacción
A pista de Carabelos, o lugar da Condesa, a estrada que sube á igrexa de Mourente, a rúa das Viñas, o lugar de Moldes e Os Areás. Son os puntos de Mourente onde nos últimos tempos se realizaron inversións municipais para mellorar a parroquia e as súas comunicacións e por todos eles pasou este mércores o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, nunha visita para coñecer o estado de execución das obras.
As obras que visitaron Lores e o concelleiro delegado da parroquia, Miguel Filgueira, están valoradas en algo máis de 900.000 euros, sendo a de maior inversión a rehabilitación integral da estrada que sube á igrexa de Mourente. A actuación incluiu a canalización de pluviais, repavimentación e retirada de elementos obsoletos e tivo que facerse por fases, supoñendo un investimento final de 600.000 euros.
A visita comezou pola pista de Carabelos, onde o Concello fixo unha urbanización completa (repavimentación e recollida de pluviais) por valor de 30.000 euros, e continuou no lugar da Condesa para ver as obras de saneamento que se fixeron no lugar, un dos poucos que quedan por canalizar na parroquia de Mourente, no que o investimento foi de máis de 45.000 euros.
Outro dos puntos onde se actuou foi a rúa das Viñas, onde se fixeron traballos de rehabilitación por 8.000 euros que, segundo o Concello, resolven graves problemas para os veciños do lugar. Igual de importantes foron os traballos programados no lugar de Moldes, onde se destinaron 180.000 euros a instalar o saneamento e á canalización de augas pluviais.
Os nenos tamén foron protagonistas desta posta a punto da parroquia. Nos Areás acondicionouse unha zona de lecer coa instalación de distintas pistas e espazos de xogos populares, xa que se trata dun espazo de encontro veciñal e de centralidade parroquial. O investimento foi de 40.000 euros.
Relacionadas:
-
Veciños de Mourente e Bora lamentan a "actitude indolente" dos políticos ante os seus problemas
Por Oskar Viéitez |
-
Fomento comezará as obras de mellora na N-541 en Mourente a finais deste ano
Por Oskar Viéitez |
-
710.000 euros en investimentos para iniciar o curso político
Por Redacción |
-
O PP pedirá en Pleno ao goberno local que dote de orzamento o saneamento de Mourente
Por Redacción |
-
Mourente iniciará mobilizacións para que se dote de sumidoiros a O Pazo, Carabelos e Eirós
Por Redacción |