Rouba o móbil a un taxista, foxe e acaba golpeando un Policía
Por Redacción
Un veciño de Redondela de 30 anos rematou detido na madrugada do martes despois de irse sen pagar unha copa dun establecemento da rúa Echegaray, roubar o teléfono móbil a un taxista, escapar á carreira e golpear un axente da Policía Nacional que intentaba identificalo.
A Policía Nacional atribúelle os delitos de roubo con violencia e atentado a axente da autoridade, polos que pasou todo o día do martes e a madrugada do mércores na Comisaría Provincial. Este mércores pola mañá foi posto a disposición do Xulgado de Garda e quedou en liberdade, segundo confirmaron fontes policiais.
Os feitos aconteceron sobre as 5.00 horas da madrugada. Despois de marchar sen pagar do karaoke da rúa Echegaray, o agora detido dirixiuse a un taxi. Xa estaba dentro cando unha empregada do establecemento advertiu ao taxista de que o cliente non tiña diñeiro e, nese momento, colleu o móbil, forcexou co condutor que intentaba retelo, logrou liberarse del e fuxiu á carreira pola rúa Domingo Fontán.
O taxista alertou a Policía e unha patrulla dirixiuse ao lugar. Grazas á descrición facilitada, localizaron o mozo na súa fuxida e déronlle o alto á altura da ponte das Correntes. Cando o pararon, o mozo reaccionou intentando escapar e golpeou un axente que estaba a identificalo.
Logrou volver escapar e, pouco despois, foi interceptado de novo, de modo que nese momento si se procedeu á súa detención. Antes de ser detido, intentou conseguir a pistola dun dos axentes.