Marín recolle medicamentos para axudar a Gaza
Por Redacción
Dende este martes ata o vindeiro 30 de setembro distintos colectivos sociais de Marín e o BNG realizarán unha campaña de recollida de medicamentos destinada á poboación palestina ante a situación na que se atopa polo asedio do exército israelí á Franxa de Gaza. A poboación está nunha situación de emerxencia na que necesita medicamentos e persoal sanitario e o material recollido será enviado alí a través da Asociación Médica Hispano-Palestina.
Para esta campaña habilitáronse 13 puntos de recollida distribuídos polo centro de Marín e Seixo. En concreto nos centros de saúde de Marín e Seixo; na Casa do Mar; nas parroquias de Santa María do Porto (Templo Novo) e San Xulián; en As delicias da terra; na Asociación Amigos dos Rapaces (Manualidades Pesqueira); na librería Jumer; en Bebé Katy; na Igrexa Evanxélica de Marín; no quiosco de prensa San José; na imprenta Diba; e na sede do BNG.
Segundo explicou María Esther Méndez, representante dos colectivos colaboradores, en calquera destes puntos pódense deixar sobre todo analxésicos, antiinflamatorios, antibióticos, pomadas para queimaduras, vaselina, apósitos, vendas, gasas, cueiros para nenos e maiores, e todo tipo de material hixiénico e leite para nenos.
María Esther Méndez e a voceira local do BNG, Pilar Blanco, explicaron que para organizar esta campaña están en contacto directo con Yamil Abu Saada, médico palestino da Asociación Médica Hispano Palestina. Manteñen con el unha relación de amizade por pasar longas tempadas en Marín dende hai case trinta anos e pediulles a axuda ante a grave situación que están a vivir.
A campaña completarase cunha conferencia en Marín a cargo de Yamil Abu Saada nunha data aínda por definir. En opinión de Pilar Blanco, coñecer o conflito da man de Yamil "axudaranos a comprender mellor o que está a pasar o pobo palestino e as razóns do seu sufrimento, que ningún pobo está libre de sufrir mentres haxa estados xenocidas como o de Israel, que impoñen a forza co consentimento de Estados Unidos e de gran parte da comunidade internacional".