O bo tempo regresará a fin de semana ás Rías Baixas
Por Redacción
As baixas presións continuarán durante a xornada deste mércores 27, con frontes activas que afectarán a toda Galicia. Con esta situación, espéranse ceos moi anubrados, con choivas no litoral. As temperaturas mínimas non terán cambios significativos situándose en 18 graos e as máximas poderán ascender de forma lixeira ata os 24 graos.
O xoves 28 os ceos irán abríndose e pasarán a estar pouco anubrados ou despexados. As temperaturas mínimas serán máis baixas que as de xornadas anteriores, mentres que as máximas tenderán a manterse no litoral atlántico, segundo o servizo de MeteoGalicia. Haberá ventos frouxos de dirección variable pola mañá e de compoñente oeste durante a tarde.
E xa durante a fin de semana, a situación que se espera será anticiclónica, pero sen que sexa demasiado intensa. As xornadas do venres, sábado e domingo estarán caracterizados por intervalos de nubes baixas, con momentos de ceo despexado e temperaturas propias de finais de agosto, non moi elevadas.
Será a partir do luns 1 de setembro cando aumenten as temperaturas achegándose aos 30 graos con xornadas de sol e calor.