Barro condena a violencia machista e declara tres días de loito oficial
Por Diego Espiño
A corporación municipal do Concello de Barro condenou a violencia machista a través dunha declaración institucional no pleno extraordinario celebrado este luns, horas despois de que un home matase a súa muller antes de suicidarse en Portela.
O goberno local decretou tres días de loito oficial en memoria da vítima, Mónica Lorenzo, natural de Marín pero que traballaba no servizo de autobús escolar e para os servizos sociais do Concello de Barro.
A corporración trasladou o pésame aos familiares, ademais de ofrecer "todos os nosos medios" ás fillas do matrimonio.
No salón de plenos encontrábanse veciños e amigos da vítima, que protagonizaron ao termo da sesión unha concentración ante a casa consistorial que anteriormente fora convocada a través das redes sociais.
Este martes, ás 13:00 horas, celebrarase outra concentración no mesmo lugar, convocada esta vez polo propio Concello, para expresar unha vez máis a súa repulsa ante un novo caso de violencia machista.