A chuvia volverá o martes da vindeira semana despois dunha fin de semana soleada
Por Redacción
Este fin de semana continuarán os ceos soleados nas Rías Baixas debido á influencia do anticiclón situado ao noroeste de Galicia coa presenza de ventos do nordés, moderados no litoral. As temperaturas mínimas sufrirán un lixeiro descenso durante o sábado, mentres que as máximas non terán cambios significativos situándose sobre os 25 graos centígrados.
Durante o domingo 24, segundo o servizo de MeteoGalicia, as temperaturas permanecerán sen cambios con ventos que soprarán de compoñente norte, frouxos en xeral. A partir da tarde comezará a apreciarse a chegada de nubes nos ceos do sur da provincia.
O luns 25, a fronte pouco activa irase aproximando máis ás Rías Baixas e agárdase que os ceos continúen anubrándose progresivamente dende o litoral atlántico e con posibilidade de chuvias débiles cara á noite, máis probables canto máis ao oeste da comunidade. As temperaturas manteranse con lixeiros ascensos das mínimas, que se sitúan arredor dos 13 graos.
A partir do martes perderase a influencia anticiclónica debido á presenza de baixas presións que se achegarán a través do Atlántico. A probabilidade de chuvia será alta durante o martes pero irá diminuíndo a partir do mércores coa aparición de nubes ata o xoves.