A Fundación Humana destina 1.500 euros para produtos de limpeza a persoas necesitadas en Marín
Por Redacción
A Fundación Humana achegará 1.500 euros á concellaría de Benestar Social do Concello de Marín que serán repartidos entre as persoas da localidade para a compra de produtos básicos de limpeza e hixiene persoal.
Esta acción desenvólvese por segundo ano consecutivo e forma parte dun programa de axuda social que leva a cabo Humana Fundación Pueblo para Pueblo e a través deste proxecto destínanse a estes fins de colaboración os recursos obtidos coa xestión da recollida de roupa e o calzado usados nos municipios nos que está presente, xa sexa en colaboración directa con proxectos ou actuacións que realiza o propio concello ou a través doutras entidades de ámbito local.
Humana Fundación Pueblo para Pueblo encóntrase en Marín dende maio de 2013 cun total de seis colectores situados en distintas rúas da vila. Durante os primeiros seis meses de 2014, recolléronse 11.090 quilos de roupa e de calzado usados.
Segundo esta organización, o téxtil que os veciños de Marín depositaron nestes puntos tamén axudaron a evitar a emisión de 35 toneladas de CO2 á atmosfera. Con esta fórmula de reciclaxe lógrase ofrecer unha segunda vida a unha roupa que doutra forma iría parar a un centro de tratamento de residuos para a súa incineración.