Os mellores artesáns de Galicia teñen unha cita en Cambados
Por Redacción
O Paseo da Calzada de Cambados acolle a partir deste venres 22 a sétima edición da Feira de Artesanía e Comercio, unha mostra moi ampla de produtos artesanais de calidade que cobre 40 postos de venda no recinto, representando máis de trinta firmas.
A sétima edición será inaugurada polo alcalde, Luis Aragunde, o delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís, e a directora da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, este venres 22 ás 13.00 horas.
A maioría dos postos corresponden a esta Fundación de Artesanía, aínda que tamén participarán varios profesionais de Cambados, o Refuxio de Animais e a Asociación para discapacitados Con Eles, ás que se lles cede un espazo para que recaden fondos para os seus fins.
Segundo a organización, estase a incorporar moita xente nova ao mundo da artesanía achegando un relevo xeracional que poderá comprobarse nesta Feira. Os visitantes encontrarán 18 postos que contan coa carta de Artesanía de Galicia, na marxe dereita da Calzada e outros 19 de profesionais sen esa carta oficial na outra banda do paseo.
Poderanse ver postos de cerámica, cadros, figuras en ferro, flores secas, botellas decoradas, escultura en pedra, arte en area, xoiaría, cestaría, coiro e produtos alimenticios como mel, pan artesán ou queixo.
Ademais, 25 socios infantís da biblioteca participan nesta edición con varios talleres dirixidos a escolares para aprender nocións básicas de traballos en coiro, arame, pintura en tea ou reciclado de material. Tamén se desenvolverá un taller de plantas medicinais e de aroma.
CONCENTRACIÿN DE MOTOS
O domingo, a partir das 10.45, a praza de Fefiñáns acollerá unha nova edición da concentración e exposición de motocicletas antigas, organizada pola asociación Motos Vellas do Salnés.