Fenosa executa cinco actuacións para mellorar as instalacións eléctricas de Cotobade
Por Redacción
Dende o ano 2012 Unión Fenosa Distribución realizou en Cotobade cinco obras de adecuación e mellora de instalacións eléctricas en media e baixa tensión para solucionar as deficiencias detectadas na rede. Delas, tres pertencen á parroquia de Viascón e as dúas restantes a Vilanova e Tenorio.
Os traballos de mellora e adecuación do tendido eléctrico consistiron na instalación en Tenorio dun centro de transformación e liñas de media e baixa tensión e en Vilanova dun centro de transformación, unha liña de baixa tensión e unha liña subterránea de media tensión. Neste último caso, as obras beneficiaron a 197 veciños.
Ademais, en Viascón púxose en servizo un centro de transformación e ampliouse a potencia da rede de distribución. Dentro desta liña de traballo o vindeiro mes de outubro está previsto o remate das obras que permitirán a posta en marcha doutro centro de transformación e o acondicionamento da liña de media tensión, unha actuación da que se beneficiarán 448 veciños.
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, comprobou este xoves as melloras realizadas nunha visita a Cotobade na que o acompañaron o alcalde, Jorge Cubela, e o xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial. Recordou que catro destas actuacións foron posibles grazas a que a Consellería de Economía e Industria atendeu ás peticións dos veciños e destacou a labor do alcalde, que mantivo varias reunións para que esta inversión se puidera facer realidade.