Carme da Silva: "Dá a impresión de que César Abal e o Partido Popular son herdeiros da tradición franquista"
Por Anxo Lourido
A concelleira de Festas, Carme da Silva, nega que o BNG teña empregado o concerto da cantante Sés, organizado polo Concello de Pontevedra, como unha actividade propia na programación dos actos do Día de Galiza Mártir publicitados pola formación nacionalista.
Da Silva arremeteu contra o concelleiro popular César Abal e contra a dirección do Partido Popular local pola súa "falta de respeto pola música galega". A responsable de Festas do Concello pontevedrés indicou que se trata "dunha falta de coñecemento de como se desenvolven os Días de Galiza Mártir, unha falta de coñecemento absoluta de que dende o BNG se divulgan moitísimo as actividades que se desenvolven no Concello: culturais, festivas... de todo tipo". E engadiu que, dende o punto de vista político, o que lle parece máis preocupante "é que César Abal dá a impresión, e o Partido Popular, de que son herdeiros da tradición franquista e asocian que a defensa das vítimas, da memoria, dos represaliados, dos exiliados, que recuperar a memoria é algo do BNG".
A concelleira afirma que as acusacións de Céar Abal demostran "a falta de respeto absoluta polas vítimas do franquismo e que son herdeiros da tradición franquista" e sinalou que no folleto de divulgación do BNG tamén aparecía o acto institucional celebrado polo Concello de Poio no que se atopaba o portavoz do Partido Popular, Ángel Moldes.
Carme da Silva concluíu reclamándolle ao Partido Popular máis respeto pola cultura e pola música galega: "Sés é unha persoa que actúa coa súa banda en moitísimos concellos, en moitísimos sitios, que ten unha voz extraordinaria e unha calidade musical impresionante tal e como se puxo de manifesto no concerto no que había moitísima xente".
Relacionadas:
-
César Abal critica o "nacionalismo aburguesado" do BNG por non acudir ao acto cívico de Bóveda
Por Anxo Lourido |
-
O PP pide que Lores afirme publicamente que o Goberno local financia as corridas de touros
Por Anxo Lourido |
-
A Ferrería vibra con Sés nun concerto por "todos os que seguen loitando polos nosos dereitos"
Por Natalia Puga |